domingo, 27 de abril de 2014

III Ruta do Pincho en Redondela

      Comezou o xoves 24 e prolongarase ata o vindeiro domingo 4 de maio, día de todas as nais.
     Paso a comentar algúns, os que xa probei, agradecendo o prezo (2´5 € pincho e viño) porque a calidade ben podía ser mellor, por certo que si e lamentando non ter levado cámara de fotos.
     No restaurante Lemos (2º en Tripadvisor) hai un Capricho ibérico confeitado en salsa Lemos. Patatas palla, dous tomates cherry moi pasados pero moi ricos e dous anaquiños de estufado moi ben feito cun prebe sen trabar. Guiso de porco de toda a vida cunha culler do líquido que quedou.
     O Restaurante Casa Consejo está agora ou abriu tamén (entereime gracias a esta ruta) no mesmo centro de Redondela a carón da praza onde se fan os concertos, pola rotonda da farola. Por estar na rúa Isidoro Queimaliños ofrecen un Bacallau queimaliños. Supoño que será ese o motivo do nome pero non sei se lles soa bacallao con tomate e patacas panadeira. O de toda a vida? Sí, ese. Pero co peixe fora de punto, o tomate un chisco acedo e con cachos de pemento polo medio.
     O que si paga a pena é o sitio, unha casa de pedra impresionante polo que fico obrigado, obrígome a min mesmo a volver xa que é precioso, amplo, con moito gusto e semella que con boa carta e uns precios moi axustados.
     A tapería A Cova concursa con, coidado aí vai!, Timbal de estufado de cogumelos ás 3 pementas en base de risotto acompañado de tostas de arando. Xa está, xa pasou. Se se di de Valdoviño que nin é val nin ten viño; de Santillana del Mar que nin é santa, nin chá nin ten mar; e de Puertollano que nin ten porto (Cidade Real) nin é chan, podemos discutir que isto sexa un timbal (non o é), "non ten" cogomelos (RAG) xa que ten champiñóns de lata, de bote enriba dun arroz que sen ser risotto estaba moi rico. Non se lle poden contar as pementas e tampouco sabe especialmente a elas. As tostas son dous toros pequenos deses mercados en paquetes con algo de froita dentro. Xa saben o rico que está aínda que algo doce para unha preparación como esta. Con todo foi o mellor destes tres.
    A sorpresa agardábame en Chapela, no bar A Dorna (inxusto 7º posto, subirá). Sendo completamente obxectivo, xa que é un sitio que coñezo moi ben e recoméndoo especialmente, presenta un dos candidatos ó trunfo: Filloa A Dorna. Marabillosamente feita supoño que con algo de pirixel dada a cor, envolve choco (gusta a cociñeira de picalo miúdo) na súa tinta coa que tamén adornan a tapa cos clásicos fíos en zigzag por riba. Boa, boa de verdade, ollo que pode gañar. Xa o fixeron no Come o mar.
     Dos viños non me lembro de ningún e tampouco os anotei xa que non foi ningún deles como para recordar. Non lle fan moito caso tampouco eles nin mención ó servilo, o importante é a tapa e como sempre, non se mancar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario