lunes, 15 de diciembre de 2014

É correcto.

Atopei esta foto do migueliano este e pareceume axeitada.

viernes, 29 de agosto de 2014

jueves, 28 de agosto de 2014

Ofertón!

     Isto debeu ser hai dous anos en Miró, en Lugo. Vin isto e ante tal oferta non puiden resistirme e merqueino. De verdade, téñoo. Impresionante desconto!



miércoles, 9 de julio de 2014

Morreu a pomba

"Non conseguimos a opción número un, que podía ser unha bomba, xeralmente vamos á opción 5, 6, 7. Nunca conseguimos o que nos propoñemos, ese é o problema" 
 
     Queixouse Fernando Vázquez de problemas para fichar e iso mesmo custoulle o posto. Toma, por falar! O importante non son os problemas sociais, económicos e concurso de acreedores, deportivos con dous descensos a segunda división consecutivos,... Non, o importante é non falar, non dicilo. Caladiño, tudo bem. "La familia bien, gracias" debería contestar Fernando pero...
       Agora mesmo non sei ben se foi a da liberdade ou a mensaxeira, pero morreu a pomba, matárona.

    Nota: Di a wikipedia "Fernando Vázquez Pena (Castrofeito, La Coruña, Galicia, España, 24 de octubre de 1953)" e di a galipedia "Fernando Vázquez Pena, nado en Castrofeito (O Pino) o 24 de outubro de 1954, é un ex futbolista e actual adestrador de fútbol galego". Non temos unha hora menos como quizais deberiamos pero en Galicia, en galego, un ano menos! Ledicia.

lunes, 12 de mayo de 2014

Coidado coas traducións!

     Na páxina 110 da revista Líbero (número 4) atopamos unha crítica da película Heleno, xogador do Brasil finado en 1959. Nela podemos ler do grande Garrincha "Ángel de las Piernas Tuertas"
      Ademáis de engadirlle ás súas malfeitas perniñas (1) a tristura de non ver unha delas, quédome mellor coa ledicia de saber que entre todas as súas virtudes, unha vía! Si, Mané Garrincha vía por só unha perna, non me extraña que México tivera que marcalo así
Se chega a ver polas dúas...     

(1) Sin alcanzar el 1’70 de talla, la asimetría de piernas en Garrincha superaba unos inverosímiles cuatro centímetros, cojera evidente derivada de una degeneración en la columna vertebral -primera entre sus múltiples achaques innatos de salud- ...
      Desde su concepción, Mané sufrió una distrofia física por la cual tenía la columna vertebral torcida, y por ende sus piernas también estaban giradas en 80º. Como si fuera poco, la pierna izquierda era 6 cm más corta que la derecha.

domingo, 27 de abril de 2014

III Ruta do Pincho en Redondela

      Comezou o xoves 24 e prolongarase ata o vindeiro domingo 4 de maio, día de todas as nais.
     Paso a comentar algúns, os que xa probei, agradecendo o prezo (2´5 € pincho e viño) porque a calidade ben podía ser mellor, por certo que si e lamentando non ter levado cámara de fotos.
     No restaurante Lemos (2º en Tripadvisor) hai un Capricho ibérico confeitado en salsa Lemos. Patatas palla, dous tomates cherry moi pasados pero moi ricos e dous anaquiños de estufado moi ben feito cun prebe sen trabar. Guiso de porco de toda a vida cunha culler do líquido que quedou.
     O Restaurante Casa Consejo está agora ou abriu tamén (entereime gracias a esta ruta) no mesmo centro de Redondela a carón da praza onde se fan os concertos, pola rotonda da farola. Por estar na rúa Isidoro Queimaliños ofrecen un Bacallau queimaliños. Supoño que será ese o motivo do nome pero non sei se lles soa bacallao con tomate e patacas panadeira. O de toda a vida? Sí, ese. Pero co peixe fora de punto, o tomate un chisco acedo e con cachos de pemento polo medio.
     O que si paga a pena é o sitio, unha casa de pedra impresionante polo que fico obrigado, obrígome a min mesmo a volver xa que é precioso, amplo, con moito gusto e semella que con boa carta e uns precios moi axustados.
     A tapería A Cova concursa con, coidado aí vai!, Timbal de estufado de cogumelos ás 3 pementas en base de risotto acompañado de tostas de arando. Xa está, xa pasou. Se se di de Valdoviño que nin é val nin ten viño; de Santillana del Mar que nin é santa, nin chá nin ten mar; e de Puertollano que nin ten porto (Cidade Real) nin é chan, podemos discutir que isto sexa un timbal (non o é), "non ten" cogomelos (RAG) xa que ten champiñóns de lata, de bote enriba dun arroz que sen ser risotto estaba moi rico. Non se lle poden contar as pementas e tampouco sabe especialmente a elas. As tostas son dous toros pequenos deses mercados en paquetes con algo de froita dentro. Xa saben o rico que está aínda que algo doce para unha preparación como esta. Con todo foi o mellor destes tres.
    A sorpresa agardábame en Chapela, no bar A Dorna (inxusto 7º posto, subirá). Sendo completamente obxectivo, xa que é un sitio que coñezo moi ben e recoméndoo especialmente, presenta un dos candidatos ó trunfo: Filloa A Dorna. Marabillosamente feita supoño que con algo de pirixel dada a cor, envolve choco (gusta a cociñeira de picalo miúdo) na súa tinta coa que tamén adornan a tapa cos clásicos fíos en zigzag por riba. Boa, boa de verdade, ollo que pode gañar. Xa o fixeron no Come o mar.
     Dos viños non me lembro de ningún e tampouco os anotei xa que non foi ningún deles como para recordar. Non lle fan moito caso tampouco eles nin mención ó servilo, o importante é a tapa e como sempre, non se mancar.

viernes, 18 de abril de 2014

Rúa Nova, Lugo: A nosa terra e Ave César

Parei a tomar un gintónic no Ave César (Rúa Nova, 10) e dando por suposto o xeo e o anaco de limón, puxéronmo con Beefeater e Schweppes, nada máis! Parabéns! Non levaba, xúroo, allo, pirixel, pementa rosa do Himalaia, cebola, cardamomo, loureiro... NADA!
     O xantar foi no Curruncho A Nosa Terra , carnes de grande calidade e moi ben feitas, abofé.

domingo, 6 de abril de 2014

Peiteadora xenófoba

     Atopeime con este papel e fóronseme os ollos á xenofobia coa que rematarei este artigo.
     Comezando polo principio, por que hai nenas maiores de 10 anos e hai cabaleiros de máis de 6? Lese que o neno é menor de 6 anos, despois non e custa o dobre. Supoño que cada vez maduramos antes, pero... non eran as mulleres? Non sei.
     Importante como se pode ver é levar a perna fresca se vas a este salón de peiteado, en saia e aínda mellor en mini saia. Non está de máis abalar a perna na porta antes de entrar. Cóbranche máis por "pierna caliente" e 13 euros por unha perna enteira quente.
     Entramos, perdón polo verbo, nas inguas. Un consello: non sexa parva, non a pida completa. Dígalle que quere a depilación da virilla (2 €) e agora o outro cacho se é que queda algo, dous máis e total 4. A ingua completa son 7 euros. Queda claro que non teño nin idea destes temas, pero... de verdade hai alguén que a quere a anacos, non enteira? Existe a depilación a granel? "Catalina, vaille dando ata dous euros, que é o que teño cambiado, non trouxen a carteira e teño a pota no lume" Como queda depilada non enteira, hai fotos? Está de moda, lévase este ano?
     O que non tolero desta publicidade é a xenofobia. Se a virilla en cuestión é brasileña son 5 euros, o 250 %!!! do que custaría se fora unha perna pontevedresa (de aí é o salón).

lunes, 24 de febrero de 2014

miércoles, 8 de enero de 2014

Demagoxia. De misses e estrelas

     Se comezo esta entrada dicindo que non todos somos iguais sería (e diso acusaríanme) demagoxia pero antes da ferida xa puxen o remedio de recoñecelo no título.
     Non sei cantas persoas morren asasinadas ó día, ó mes, ó ano en Venezuela sen que se saiba, sen que sexa nova nos medios pero basta que sexa unha Miss (crime lamentábel e noxento como calquer outro) para que teña repercusión mundial e mesmo o presidente do país prometa "man de ferro" contra os delincuentes: "Voy a ir a fondo contra los que pretendan mantener la matanza", convocar a todos os gobernadores do país para coordinar solucions ó tema da inseguridade e iniciar un proceso de revisión do Plan Patria Segura, da Policía Nacional Bolivariana, bla, bla, bla. E antes?
     Cantas infraccións urbanísticas hai no Grove? Non, non se poñan a contalas, é imposíbel. Pero basta que un coñecidísimo restaurante coma o Culler de Pau cunha estrela Michelín no seu poder semelle que ten algo que tal, que sei eu para que o Concello erga a bandeira da legalidade e peche o negocio, supoño que fonte de ingresos para a zona.
     Repito que é igual de iluso pensar que todos somos iguais como demagóxico dicir que non o somos pero ten outro tanto de molestia que os poderes personalicen cada situación, cada caso segundo os seus intereses políticos, electorais ou populistas (demagoxia outra vez).
     Quizais todo isto, o artigo, tamén sexa demagoxia, non sei.

sábado, 4 de enero de 2014

Contra a parvada no pedir...

     O concello de O Carballiño pedirá que o polbo chámese pulpo. Por que? Para que? De que serve este debate? E por último, este alcalde (PP, non ten nada que ver... pero... ou si?) de El Roblecito, como tomará o polbo na próxima "Festa do pulpo"? con Albarito ou con Ribero? con patacas ou con patatas? De Álava, por suposto.
     Pero como diría a miña nai: a culpa non é súa, senón de quen lle fai caso.
     RAG: - Oído, cociña.